Ilustración de Miguel Anxo Prado
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, ofrece a través do ProxectoTERRA a terceira edición da actividade lúdico-educativa “EU SON INSPECT@R URBANÍSTIC@. COIDA DO TERRITORIO, COIDA DO TEU”, destinada ao alumnado dos centros educativos galegos de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, relacionada co coñecemento do territorio de Galicia.
As actividades, a desenvolver nos centros educativos de Galicia, teñen como obxectivo promover o coñecemento do territorio, dos elementos que o compoñen, da contorna próximo e da súa paisaxe, trasladando aos máis pequenos o valor de coidar dun territorio que é de todas e todos.
A través de material didáctico específico o alumnado traballará de forma creativa e dinámica na aula a complexidade do territorio e da paisaxe, analizando os elementos que os compoñen e conforman, afondando en conceptos como a paisaxe, o patrimonio construído, as infraestruturas, o cambio climático, a pegada ecolóxica ou as actividades e construcións no territorio, aprendizaxe que constitúe un elo fundamental para que as sociedades actual e futura realicen un uso sustentable e responsable do territorio.
No presente curso 2022-2023 ampliouse a 25 o número de centros que poderán recibir estes obradoiros para realizalos entre xaneiro e xuño de 2023. O obradoiro adaptarase á idade do alumnado, incluíndo un obradoiro teatral para as persoas máis cativas, unha actividade manipulativa de traballo en equipo, un xogo interactivo e a reflexión e debate sobre o que cada persoa pode facer para coidar do territorio que habitamos.
Ligazón para a solicitude en liña da actividade
Prazo de solicitude desde o día 14 até o 25 de NOVEMBRO
A adxudicación dos obradoiros farase por orde de chegada das solicitudes. Máis información na convocatoria.
Convocatoria DESCARGAR
Solicitude CUBRIR FORMULARIO DE SOLICITUDE