Saltar al contenido

Qué é ProxectoTERRA

É un proxecto de cooperación co mundo da educación do Colexio de Arquitectos de Galicia. Está dirixido ás distintas etapas da Educación Obrigatoria co fin de contribuír á mellora da formación que a poboación escolar galega sobre as xentes, os espazos e os lugares que habitamos. Unha formación que redunde nun incremento da súa capacidade crítica e propositiva sobre o noso medio construído para acadar unhas mellores condicións de vida. 

O ProxectoTerra como punto de encontro

Temos o compromiso de elaborar recursos educativos xurdidos da implicación e mediación do profesorado de cada un dos niveis educativos. Confiamos en poder incidir nos procesos de ensino-aprendizaxe nas distintas etapas da Educación de 0 a 18 anos, axudando a acadar os obxectivos que xa se contemplan ou que deben contemplarse sobre o exercicio responsable das nosas interaccións co noso hábitat. Esperamos ser un punto de encontro entre a sociedade civil e o mundo educativo que contribua a acadar para a cidadanía un millor coñecemento acerca de comos fomos construíndo o noso país ao longo do tempo

Alimentamos a necesidade de reflexionar críticamente sobre o noso
patrimonio construído, sobre a tradición herdada, da que debemos aprender, e sobre as practicas arquitectónicas e actuacións sobre o territorio que se deben evitar para así estar en millores condicións de desexar e propoñer os novos espazos a habitar.

Principios Básicos

O obxectivo esencial do ProxectoTERRA e que a cidadanía perciba a arquitectura e o territorio como piares básicos da nosa cultura e como elementos esenciais do noso hábitat, achegandonos ao seu coñecemento desde diferentes perspectivas como a paisaxe, o urbanismo ou o medio ambiente e sempre desde unha dimensión interdisciplinar. A tal fín, o ProxectoTERRA aporta recursos educativos específicos que poden ser integrados nos procesos de ensino aprendizaxe nas aulas de cada un dos distintos niveis educativos.

É necesario chegar ao conxunto da cidadanía para presentar os problemas básicos asociados aos lugares que habitamos e á ocupación/construción do territorio. As distintas etapas da Educación Obrigatoria constitúen, segundo o noso entender, o ámbito preferente no que debe incidir.

Entendemos que os obxectivos perseguidos só se poden acadar se involucramos aos organismos, entidades, colectivos… que son actores interesados e comprometidos coa construción dos espazos que habitamos, tanto na financiación e apoio ao proxecto como compartindo iniciativas e recursos.
A Xunta de Galicia cofinancia o ProxectoTERRA desde o ano 2003.

Os currículos vixentes xa recollen os nosos ámbitos de preocupación. Elaboramos recursos educativos  contextualizados e temporalizados á realidade do noso país para que poidan completar ou substituír aos que na actualidade están a disposición do profesorado e do alumnado.

Dirixímonos a totalidade do alumnado de Galicia nas etapas de escolarización obrigatoria. Cunha poboación dunhas 2.720.000 persoas, contamos cuns 300.000 alumnos e alumnas non universitarios, escolarizados nuns 1.323 centros de Infantil, Primaria e Secundaria nun país co maior grao de dispersión de poboación do estado español.

O profesorado é cómplice e mediador necesario e insubstituíble para calquera iniciativa dirixida ao mundo da educación se se espera que sexa válida e permaneza o tempo necesario ata a súa normal integración nos procesos educativos. É a nosa aspiración achegar recursos axeitados, que sempre son elaborados por profesorado do nivel educativo ao que ían dirixidos.

Ao realizar a nosa proposta, temos moi presentes as condicións nas que se desenvolve a actividade educativa nas distintas etapas:

•Limitación e diversidade de recursos nos centros educativos

•Diversidade de alumnado.

•Diversidade de profesorado

•Diversidade de referentes espaciais dos centros e alumnado.

Todos os materiais son experimentados previamente en centros colaboradores de diferentes contextos (rurais, urbanos, costa, interior…) que actuan como receptores críticos e propositivos e que permitiron a súa revisión e readaptación antes da edición definitiva e envío aos centros educativos.

Os lugares onde vivimos son o marco idóneo para que conflúan as múltiples visións xurdidas desde o mundo da arquitectura, o urbanismo, a xeografía, a economía, as ciencias medioambientais, a socioloxía, a lingua… un escenario perfecto para a confluencia de saberes diversos.

Vivir en primeira persoa os espazos e lugares que son obxecto de estudo nas aulas. Coñecer e dar tempo para vivir, buscando provocar que as vivencias se incorporen á memoria individual e ao
imaxinario colectivo como elementos de contraste e comparación e como demostración de que outras realidades son posibles.

O ProxectoTERRA busca contribuír a incorporar o ámbito da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no imaxinario colectivo do alumnado de Galicia como un espazo de colaboración, cooperación e recoñecemento mutuo de dúas comunidades con moitos séculos de historia común, perfectamente recoñecible nos nosos territorios.

O ProxectoTERRA preséntase de xeito continuado desde o ano 2012 entre os programas edicativos que se ofrecen desde o Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional en colaboración con diferentes organismos e institucións.

Agradecementos

A todo o profesorado dos distintos niveis educativos que ao longo destes 25 anos fixo seu o
ProxectoTERRA, sendo colaborador e mediador esencial e insustituible para achegar ao alumnado de toda Galicia os recursos que poñemos a súa disposición.

A Xunta de Galicia, cofinanciadora do ProxectoTERRA desde o ano 2003. A continuidade da súa implicación ao longo destes anos a través das distintas consellerías e governos autonómicos, fixo posible achegar os recursos elaborados aos centros educativos de Galicia.

Aos distintos equipos de profesoras e profesores de cada un dos niveis educativos que elaboraron os materiais. Ao longo destes anos fumos receptores da súa dedicación e compromiso coa educación. Esperamos que o resultado do seu traballo fora plasmado nos recursos educativos do ProxectoTERRA facendo xustiza a súa enorme xenerosidade.

Aos distintos organismos, institucións, entidades, asociacións e persoas que compartiron e comparten as nosas preocupacións pola defensa da calidade dos espazos que habitamos, nun compromiso constante de conseguir unhas millores condicións de vida para a cidadanía.

Aos distintos equipos que coordinaron o ProxectoTERRA, como xestores e mediadores que foron entre o colectivo profesional das arquitectas e arquitectos de Galicia e o mundo da educación.