
Vigo
Esta é unha actividade dun día de duración.
A xornada comeza coa chegada á Estación de tren de Guixar, na rúa do Areal, onde o grupo se reúne coas guías. A visita iníciase no Castro e na Fortaleza do Castro, desde onde se poderá observar o tecido urbano da cidade e unha panorámica da ría para descubrir, entre murallas e xacementos arqueolóxicos, a orixe de Vigo. Seguidamente, realizarase un percorrido a pé desde o Berbés ata o MARCO, polo Casco Vello e a rúa Príncipe, pasando pola rúa Real, a praza Almeida, o Instituto Camões, a rúa Cesteiros, a praza da Constitución e a Porta do Sol. No Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO), o alumnado participará nunha visita e obradoiro. Tras o xantar, farase un percorrido visual en autobús desde A Farola ata Samil, polas rúas Urzaiz e Gran Vía, as prazas de España e América, o Parque de Castrelos, Balaídos, o barrio de Coia, Bouzas, a Zona Franca e Alcabre. Despois, visitarase o Museo do Mar de Galicia para coñecer a transformación e os diferentes usos do edificio ao longo do tempo. A xornada remata cunha visita polos distintos edificios do Campus Universitario: o Edificio Miralles, a Facultade de Económicas, a Biblioteca Central e o Reitorado.
