
Santiago de Compostela
Esta é una actividade dun día de duración.
A xornada comeza coa chegada á Avda. de Xoán Carlos I, diante da Capela do Pilar, onde o grupo se reúne coas guías. Na visita a Santiago faise fincapé nos aspectos máis significativos da orixe e evolución da cidade ao longo dos séculos, destacando os fitos arquitectónicos, a morfoloxía urbana e os espazos verdes. O percorrido iníciase cun paseo polo parque da Alameda e o centro histórico, ata a Catedral, onde se explicará a orixe e conformación do asentamento compostelán a partir da tumba do Apóstolo e se visitarán as Cubertas e o Museo da Catedral. O paseo polo centro histórico continúa polas principais mostras da arquitectura e o urbanismo que axudan a comprender o percorrido histórico do que forman parte. Tras o xantar no parque da Alameda, o alumnado visitará o parque de Santo Domingo de Bonaval, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Museo do Pobo Galego e o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. A xornada remata no CGAC, onde vos recollerá o autobús.
